/

Una, dola, tela, catola. Xogos e xoguetes de antano

Unha exposición que rescata do esquecemento os xogos de antano a través dunha mostra singular onde grandes e pequenos poderán compartir unha experiencia lúdica e apaixonante.

Da man da pintora e coleccionista Puri Sánchez, entraremos no fascinante mundo dos xogos tradicionais. O noso punto de partida será o traballo pictórico de Puri, que recrea nos seus lenzos os xogos infantís da súa nenez nun pobo próximo a Salamanca. A nosa Exposición pretende recuperar aqueles marabillosos e máxicos momentos da infancia, desde a nostalxia polo vivido e tamén co afán de recuperalo para as novas xeracións.   

O repertorio de xogos que encontramos é case innumerábel, moitos chegaron ata os nosos días, outros perdéronse e deles apenas queda a lembranza. Xogos de nenos (as bólas, a buxaina, ...), de nenas (as tabas, a corda, o corro...), mixtos (as agachadas, o pano...); xogos de destreza, de enxeño, de axilidade, de coordinación...

É por iso, que Una, dola, tela, catola... se concibe coma unha exposición lúdica onde os xogos cobrarán vida: volveremos a xogar, a cantar, a saltar, a rir, nas nosas mans aparecerán as buxainas, molinetes, bólas e danzaremos ó compás das cancións que críamos esquecidas.   
Contábanos Puri Sánchez que ela na súa infancia non coñeceu nunca a palabra aburrimento. Quizás esta sexa unha boa oportunidade de amosar ós nenos outras alternativas lúdicas que activen o seu maxín e participación e pode que, durante un tempo, deixemos de escoita-la repetida cantilena: “Nai, abúrrome”.