/

Libros Pop Up: vida en movemento

Os libros “pop-up” ou libros animados, utilizando diferentes técnicas sobre papel, están presentes desde o mesmo arranque da historia da literatura infantil como xénero independente a finais do século XVIII. Considerados polos estudosos da literatura infantil e xuvenil como verdadeiros “artefactos da fantasía e a memoria” foron unha fonte inesgotábel de pracer visual e artístico desde a súa aparición.

A este respecto, é certo que se de cativos tivemos algunha vez un destes libros nas mans resultará difícil que se borrara da nosa memoria. Hoxe en día son miles os amantes dos libros “pop-up”, cuxa afección e investigación sobre o desenvolvemento do xénero se concentra principalmente no mundo anglosaxón e os países de Europa central. En España aínda existen poucos estudos e investigacións levadas a cabo, e iso fixo que este tipo de libros sexa pouco coñecido ou só de xeito moi superficial polo público infantil e xuvenil.

A exposición que propoñemos ten como obxectivo principal espertar nos nenos a curiosidade, o gozo e a fascinación que con seguridade producen estes libros, e ó mesmo tempo conseguir que o público adulto e os interesados na literatura xuvenil e infantil poidan gozar dunha arte única e marabillosa.

Para todo iso elaboramos unha exposición viva, singular e dunha enorme calidade, tanto no seu concepto de deseño como na categoría dos libros obxecto da mostra, a través de tres variábeis que son o eixo da exposición.